Opinión

Por terra, mar e aire

[María Obelleiro]

A eclosión de proxectos eólicos, sementados sen ordenación, ao longo da Galiza é tal que resulta complicado atender informativamente cada un deles. Non só invaden a terra, tamén queren agora invadir a costa. A manifestación que decorreu o pasado sábado en Compostela, e da que Nós Diario deu cumprida conta a través do diario dixital, amosou o vivo que está o tecido social galego, organizado por comarcas que defenden unha outra maneira de explotar a enerxía eólica.

Semella que vivimos nun déjà vu constante. Mudan as maneiras de facer, mudan as formas de comunicar, mais non muda o fondo: a protesta contra o espolio dos recursos naturais e contra a concepción da Galiza como unha colonia. Máis unha vez, a Galiza demostra a súa dignidade xa non só nunha mobilización puntual, senón con ducias de actos que inzan cada semana o territorio de actividades contra un modelo de enerxía eólica depredador que urxe un plan que ordene de maneira sustentábel os parques proxectados e que asegure que os beneficios que recadan as empresas enerxéticas por conta dos recursos naturais galegos revertan tamén aquí.

Comentarios