Opinión

Terra e desidia

[Alberte Mera]

Terra e desidia poñen nome a dous temas das Tanxugueiras que ben poden sonorizar a xornada de mañá, Día Mundial do Medio Ambiente. Desidia coñecémola onte. A outra leva meses soando nun país de lonxe ligado á terra e á saudade dela, e que no presente soporta múltiples agresións ambientais, a comezar pola proliferación desordenada de parques eólicos en zonas que mesmo deberan ser Rede Natura de a Xunta ter tramitado as declaracións pertinentes perante o Estado. Prodúcese aquí a custa do territorio sen redundar, aínda por riba, no propio país, como hoxe analiza este xornal reparando en que case 90% da potencia eléctrica que a eólica xera na Galiza pertence a fondos voitres estranxeiros. Eólica Así Non será a consigna que mañá se escoite en Compostela na mobilización convocada pola plataforma de mesmo nome baixo o apoio de máis de 200 colectivos do país, pedindo ás autoridades galegas defender a terra e un modelo enerxético coidadoso co medio e sustentábel.

Desidia, porque precisamente a falta de coidados e querencia protagoniza a política industrial e enerxética na Galiza. As denominadas enerxías verdes deixan de ser tal cando comprometen, como neste país, o futuro e porvir do medio ambiente.

Comentarios