Opinión

Terra de soños

(Alberte Mera)

Cincuenta anos fan os Fuxan os Ventos neste 2022, como lembra nunha imprescindíbel reportaxe o Sermos Galiza de hoxe. Aquel 1972 de loita obreira, das folgas históricas en Ferrol e Vigo, do asasinato de Amador e Daniel, do nacemento de Estudantes Revolucionarios Galegos tamén deu un dos fitos da historia do país: o nacemento do grupo cuxas cancións emocionaron toda unha xeración e que as nosas nais soubéronos transmitir.

Foi en 2008 cando saíu o CD Terra de soños que me fixo recordar aquelas cancións dos Fuxan que escoitara de cativo en casetes que soaban nas viaxes en coche. 50 anos son moitos, mais que de actualidade continúan moitas das súas cancións! Unha das máis fermosas, Cantiga de berce, di: Mira a lingua que falo, desprezada por ser lingua de pobres, lingua escrava, son o orgullo que temos, lingua de pobres. Só neles hai verdade e máis honores.

Lamentabelmente a lingua segue a ser hoxe desprezada e para mostra, o informe apresentado onte polo Consello da Cultura Galega, que pon o foco na enorme falta de oferta cultural en galego, especialmente para a mocidade. 40% da poboación ve a oferta cultural na lingua propia “insuficiente”. É o que ten cando os gobernantes gobernan Galiza co mero obxectivo de facer currículo para promover a Madrid. 

Comentarios