Opinión

Ter 16 anos

[María Obelleiro]

Imaxine que ten vostede 16 anos. Podería acceder de maneira legal ao mercado laboral, tería a obriga de pagar impostos, tamén estaría suxeita ou suxeito á responsabilidade penal. Así mesmo, permitiríaselle facer o testamento e contraer matrimonio con xustificante de estar emancipado con autorización. De aprobarse a reforma da lei do aborto que se tramita na actualidade, tamén podería interromper o embarazo de maneira voluntaria e sen autorización da súa nai ou pai. Imaxine que ten vostede 16 anos, pode facer todo o anterior mais non votar. E seguirá sen poder facelo, pois onte a maioría do Congreso español tombou unha iniciativa que reclamaba mudar a lei electoral co fin de que as mozas e mozos maiores de 16 puidesen elixir os seus representantes políticos, como xa pasa en Austria, Noruega, Eslovenia, Hungría, nalgúns Estados alemáns, Brasil ou Ecuador.

De pouco serviu que a Estratexia de Xuventude 2022-2030 do Goberno español, que foi aprobada no mes de maio, fixese alusión a esta rebaixa da idade legal para poder votar. Un extremo que tamén recolle a Resolución 1826 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, que en 2011 instaba ao "afortalamento da democracia mediante a redución da idade para votar aos 16 anos", e que defenden o Foro Europeo da Xuventude e o Consello da Xuventude de España.

Comentarios