Opinión

Telepresidencia

[María Obelleiro]

Primeiro chegou a "telemedicina"; despois, o anuncio de substituír as gardas físicas do persoal sanitario por un sistema virtual. E, agora, a telepresidencia, pois o xefe do Executivo galego empezará na sexta feira unha xira que o levará a percorrer en dez días as 17 autonomías do Estado español dentro da campaña polo liderado do PP. A palabra de orde dentro do Goberno galego é "normalidade". Unha "normalidade" que levará Feixoo a exercer de presidente, "como fixo" noutras ocasións, apuntou onte Rueda -un dos nomes que soan como substituto-, "en contacto telefónico permanente". Que expliquen como pode gobernarse a Galiza con cabeza e corpo postos nunhas eleccións internas e en desaloxar o actual Executivo español.

O máis honrado e sincero, por parte do candidato á Presidencia do PP, sería dimitir, sobre todo nun contexto marcado polos prezos desbocados da electricidade e dos combustíbeis, e cunha crise socioeconómica que se verá agravada polas consecuencias da guerra en Ucraína. Porén, Feixoo non se ruboriza. Terémolo de presidente interino, cando menos, até entrado o mes de maio, segundo dixo. Tampouco se ruboriza cando afirma publicamente que a igualdade non é unha cuestión política. "Se facemos ideoloxía ou política con isto, teremos un problema", manifestou. O problema é ter á fronte do Executivo un non-presidente que renega do feminismo.

Comentarios