Opinión

Tamén o entroido

[Xesús M. Piñeiro]

O Entroido Ribeirao e o Oso de Salcedo non se celebrarán este ano. A pandemia da Covid leva os seus organizadores a anunciar xa agora que estas dúas citas, das máis significativas do Entroido galego, non se realizarán nesta ocasión. Unha decisión, ademais e a teor da evolución do virus, que de certo será seguida por boa parte dos entroidos que se celebran e que se viven na Galiza. 

O estudoso do entroido Felipe-Senén subliña que poucos países “ofrecen tantas variedades tradicionais tan significativas” como o noso, que multiplica “creatividades, cores, cantos, retrousos, músicas, leria, fantasía”. Un entroido, di, que actúa como proba diagnóstica do “estado anímico dun pobo”. 

A Covid-19 segue a poñer a proba ese estado anímico dos galegos e galegas cando se vai cara a un ano de pandemia, con medidas e restricións, con consecuencias económicas, sociais, psicolóxicas,  persoais e colectivas. O Entroido pode converterse este ano nunha vítima da Covid. Mais en 2022 volverá haber Entroido e de certo que o viviremos como unha catarse colectiva na que se “espantan medos” e saen á luz os “vicios prendidos na colectividade”.

Comentarios