Opinión

Subir

[Xoán Costa]

Nos últimos meses o verbo subir, ou aqueles con el semanticamente relacionados, adquiriu unha presenza infrecuente nas nosas vidas. Sobe o prezo da luz. Increméntanse os contaxios COVID-19, con variantes a piques de esgotar o alfabeto grego.

Aumentan os custos da vivenda. Elévase o prezo do transporte. Ascende a incapacidade do goberno galego para manter o xa escaso tecido industrial. Crece a privatización do ensino ou da sanidade con partidas ben cuantiosas nos orzamentos da Xunta. Aumenta a fenda salarial,  a pobreza, a precariedade. Sublímase a conexión ferroviaria que permite viaxar de Ourense a Madrid en menos tempo que entre A Coruña e Monforte. 

Todo sobe e se enaltece. O presidente Feixoo, ao tempo que se elevan as sospeitas e dúbidas sobre os negocios de Emilio Lozoya e Pemex na Galiza,  sobe o ton e aprimora o seu desprezo pola lingua e a cultura da Galiza e diso se gaba en canta ocasión pode, xa non se sabemos ben se porque acredita firmemente no que di ou por estar inmerso en manobras de distracción. Seguro que vostedes teñen opinión formada.

Comentarios