Opinión

Son 10 minutos

[Alberte Mera]

A vida pode ser eterna, pero hai segundos e minutos que non poden agardar máis. Tan só 10 minutos de reunión pediron ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, as familias dos 21 tripulantes desaparecidos no naufraxio do barco Vila de Pitanxo en Terra Nova. Onte manifestáronse as familias ás portas do Congreso dos Deputados en Madrid, ante a non recepción por parte do mandatario español. Que lle custa, señor presidente? A vida é eterna, cantaba Víctor Jara, e as familias das vítimas tan só lle piden 10 minutos do seu tempo para unha xuntanza na que abordar a baixada ao pecio.

Reclaman baixar aos restos do barco porque, coas versións contrapostas dos sobreviventes sobre as causas e contexto da traxedia, as familias precisan coñercer a verdade, que se baixe ao pecio e se localicen os corpos dos seus seres queridos e se investigue en que condicións morreron.

A ministra de Transportes remitiuse onte na Cámara ás investigacións xudiciais abertas sobre o naufraxio para apelar á "prudencia" á hora de determinar "cales son os mellores medios" para esclarecer as causas do accidente. Os mellores, desde logo, baixar ao pecio. Como din as familias, se están a baixar ao Titanic por que o Estado non asume o descenso ao Pitanxo?

Comentarios