Opinión

Somos todo oídos

[Xesús M. Piñeiro]

Ten que ser a propia sociedade galega a que teña que facer de aguillada para saber que aconte-ceu este verán co ‘desembalse’ dos encoros en plena carreira de suba de prezos da luz. As eléctricas, caladas e o Goberno galego, ou caladiño ou botando balóns fóra: cara á Moncloa, concretamente.

Así que, por uns -eléctricas - e por outros – gobernos-, o baleirado dos encoros galegos ía camiño de pasar na punta dos pés e sen que galegos e galegas tivésemos explicacións algunha do acontecido.  A denuncia de Adega (velaí a aguillada) na Fiscalía para exixir esas explicacións e que se investigue unha “posíbel prevaricación” do Goberno galego dá unha oportunidade a saber que pasou e por que pasou. A quen beneficiou.

A entidade ecoloxista destaca que as sociedades demandadas resolveron rebaixar os caudais “en plena época de estiaxe para producir electricidade cando o seu prezo acadaba máximos anuais”. Quen tiña que vixiar e controlar para que non pasase iso, non o fixo. Así que, antes de que o tema demore máis, cómpren explicacións. Somos todo oídos.

Comentarios