Opinión

Solidariedade

[Xoán Costa]

A nova vai por toda a parte: trece anos despois Galiza recebe unha transferencia do Estado. Trátase do imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración. Un tributo que xa estaba pensado para ser xestionado polas comunidades autónomas e que tramitará a Consellería de Medio Ambiente. En total dezasete millóns de euros.

Durante os 13 anos de goberno Feixoo o marco competencial da Galiza non variou e se ben non houbo recentralización legal si a houbo ideolóxica, cun debate moi centrado en se o Estado debe ou non recuperar certas competencias pois iso, din algúns membros do goberno galego, evitaría discriminacións entre uns e outros territorios. A proba máis recente procede do conselleiro de Educación a propósito das ABAU.

Claro que quen tanto di preocuparse por non discriminar non levanta un dedo ao comprobar como Galiza, dentro do Estado, ten as pensión máis baixas. Ou os salarios, sempre por baixo da media estatal. Boh!, debe pensar, para o que fan, chégalles ben.

Comentarios