Opinión

Setenta

[Xoán Costa] 

S etenta, ou algúns máis, son os militares xubilados do Exército de Terra que lle escreberon unha carta ao rei Filipe.

Setenta, ou algúns máis, son os anos que teñen estes outrora militares e hoxe civís recargados de dereitos. Xenerais, comandantes, coroneis, todos eles laureados após acometeren duras batallas, como a reconquista de Perejil, ordenada por Aznar e na que un forte continxente do exército español conseguiu despexar seis marroquinos. Días antes, xefes do Exército do Ar fixeran o mesmo, escreber ao rei.

Tamén o rei emérito recebeu cartas de apoio dos militares cando, no mes de agosto, fuxiu para onde estiver. Daquela, a que máis transcendeu foi a carta enviada polos axudantes de campo que teñen, como misión máis visíbel, a de berrar alto e forte Su majestad el Rey! cando o rei concede audiencias. Viven en palacio e acompañan o rei mesmo cando este vai de ferias, circunstancia que evidencia ben a militarización dunha monarquía filla dunha ditadura militar.

Non estraña pois que lle escriban cartas. 

Comentarios