Opinión

Servizos sociais, negocio do capital

A privatización encuberta ou directa dos servizos sociais é un fenómeno que se está a ver acrecentado nos últimos anos por toda a parte. A coartada, as políticas de austeridade e a contracción do sector público. As administracións en moitos casos vense obrigadas a concesionar servizos que en condicións normais prestarían directamente. A crise é así unha oportunidade de negocio para o capital, con rendimentos garantidos, ao estaren sempre detrás as contribuíntes e os contribuíntes como paganos últimos.

A situación agrávase cando ao frente das administracións están partidos políticos que teñen no seu ideario a redución do papel do Estado na economía. No caso da Galiza, a hexemonía do PP -só atenuada na escala municipal, nomeadamente nas cidades- é a mellor garantía de que os servizos sociais viren en lucros privados. E mesmo cando os concellos están xeridos por gobernos nacionalistas ou progresistas a situación non acaba de ser moi distinta, porque as facendas locais están como están e porque determinadas normas de carácter estatal -por exemplo, no que ten a ver coa taxa de reposición do persoal que se xubila- impiden moitas veces a prestación directa dos servizos ou a súa eventual remunicipalización.

Na Galiza, alén do máis, os principais beneficiarios da privatización dos servizos sociais son grandes compañías españolas

Na Galiza, alén do máis, os principais beneficiarios da privatización dos servizos sociais son grandes compañías españolas -o porta-estandarte é Clece S.A., controlada por Florentino Pérez- co domicilio fiscal en Madrid. Entre Clece S.A. e Urbaser, outra filial do grupo do empresario e presidente do Real Madrid, facturaron nos últimos exercicios por volta de 60 millóns de euros no noso país.

Non contentas con se lucraren pola prestación de servizos de carácter público, e como ilustra a reportaxe que publicamos no Sermos 2006, estas empresas acostuman incumprir as obrigas ás que se comprometen coas administracions -o que, claro, resulta no deterioro da calidade da prestación que receben as veciñas- e con moita frecuencia incorren en prácticas de abuso laboral do seu cadro de persoal, con denuncias mesmo de conculcación dos convenios colectivos.

Comentarios