Opinión

#Sermos229: Galiza é solvente

Volve á actualidade a necesidade de mudar o sistema de financiamento que nos levou a perder perto de 8.500 millóns de euros -o orzamento da Xunta de Galiza de 2017 é de 9.063 millóns- desde a súa entrada en vigor, en 2009. Aberto o debate sobre o modelo de financiamento, é o BNG  a única forza política que reclama un concerto económico, un sistema de cupo similar ao de Euskadi ou  Nafarroa, e que lles serviu para afrontar mellor a crise. PP, En Marea e PSOE desbotan o concerto económico e optan por un outro modelo que non posibilita que Galiza negocie de “ti a ti” co Estado.

Acreditar nunha Galiza solvente, como a que nos presenta o economista  Xosé Díaz en  As contas que nos contan, libro recentemente editado por Sermos Galiza, é absolutamente necesario para comprender o espolio a que o Estado nos somete  e para desmontar  o mito da Galiza sobrefinanciada que vive da solidariedade. Conquirir  unha soberanía  fiscal plena, unha facenda propia que recade e xestione a totalidade dos nosos impostos –incluído o de Sociedades, que nos permitiría contar cuns ingresos adicionais de mil millóns ao ano- contribuiría a mellorarmos a calidade de vida, a crearmos emprego e a termos mellores servizos públicos. É hora de avanzarmos.

Comentarios