Opinión

Sermos máis Nós

[Xoán Costa]

Neste 19 de setembro Sermos Galiza S.A. celebra a súa Xunta Xeral de accionistas para aprobar, se así o decidir a Xunta, as contas anuais e a memoria do ano 2019. Decorre esta reunión seis meses máis tarde do inicialmente previsto e a menos dun mes do que foi o punto de partida, coa contratación do cadro de persoal, do maior proxecto emprendido pola empresa desde a súa constitución e un dos grandes logros da Galiza nos últimos tempos.

Falamos, obviamente, da posta en marcha de Nós Diario, o xornal en papel nacido do esforzo conxunto de Sermos Galiza e das máis de 3.000 persoas subscritoras que o posibilitaron. O vigor deste proxecto non se reflicte aínda nestas contas, que só recollen os tres meses previos á saída do diario, o día 2 de xaneiro. Será nas contas e na memoria de 2020 onde se poderá ver a marcha dun proxecto que, embora sólido, precisa seguir incrementando a súa base de subscritoras e subscritores para desta maneira poder manter a independencia económica que leva consigo máis calidade e rigor informativo. E tamén para chegar a novas metas.

Comentarios