Opinión

Seriedade

[María Obelleiro]

Temos estes días críticas a respecto do tratamento dos medios de comunicación sobre as vacinas, mais o albo deberían ser os Gobernos e non quen transmitimos a información. Que os medios informemos das sucesivas mudanzas na estratexia de vacinación non nos sitúa como responsábeis da perda de confianza e rexeitamento por parte da cidadanía. Os datos non son positivos: unha de cada catro persoas non acudiu a vacinarse na campaña de inoculación organizada polo Sergas na fin de semana.

A Covid-19 tamén nos obrigou a enfrontarnos a diferentes modos de divulgar e cómpre facelo cun xornalismo responsábel e baseado no rigor científico. Non sempre é doado e non sempre se acerta, mais váisenos a vida en que se adopten as decisións máis beneficiosas para o conxunto da cidadanía e en que se comuniquen de forma solvente, tamén por parte das distintas esferas públicas. A pandemia require de respostas serias, non de incoherencias nin de falta de firmeza. Nese camiño atoparémonos todos e todas e quizais a taxa de rexeitamento das vacinas sexa menor. Poñamos o noso gran de area.

Comentarios