Opinión

Será por cartos!

[Xesús M. Piñeiro]

Entre xaneiro e setembro Iberdrola gañou 2.408 millóns de euros. Beneficios que chegan nuns meses nos que o prezo da luz subiu e subiu e só parou para coller folgos e seguir a subir, cunhas consecuencias que afectan non só aos petos da ‘xente de a pé’ senón tamén a empresas e industrias, sen que iso, curiosamente, leve a que esa patronal que sempre protesta por todo (suba do SMI, das pensións...) se queixe pola actuación duns oligopolios eléctricos que prexudican boa parte dos seus asociados.

Mais non era isto do que viñamos falar, ou pode que tamén si. Iberdrola gaña 2.408 millóns de euros e esta multinacional con sede en Bilbao é o primeiro operador hidráulico da Galiza. onde conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts e 13 encoros.

Ademais, Iberdrola está detrás de boa parte dos proxectos eólicos que compiten por ocupar na Galiza cumios, montes e mesmo rías, da cabalo dunha ‘transición verde’ e ‘aposta polas renovábeis’ das que á multinacional só lle interesa na medida en que isto supón incrementar beneficios.

A eles pouco lles importa se somos ou non ‘Galiza profunda’, porque o que si que lles importa, sómolo: o lugar a través do que engrosar a conta de resultados.

Comentarios