Opinión

Ser rei no século XXI

[Xoán Costa]

O Rei da España non é Robin Hood, non rouba os ricos para alimentar os pobres. A realeza do século XXI non rouba. Pode ser que antes algún rei, ou raíña, roubase mais sempre por un ben superior, e nunca os ricos. No século XXI os reis non son ladróns, son intermediarios. Que hai que conseguir un contrato, poñamos por caso, para construír camiños de ferro no deserto. Pois hai un rei que media con outro rei e este págalle os gastos de viaxar tan lonxe por unha causa tan xusta. Antes os reis verdadeiramente comprometidos coa cristiandade facían cruzadas; e á volta, se algún curmán non se lle sentara no trono, facían grandes festas para honrar as reliquias que traían. Agora serven de intermediarios para facilitar a caridade. Iso foi o que fixo Filipe VI perante os mellores do seu reino, agrupados en Corporacións Nobiliarias, Ordes Militares, Reais Maestranzas que, solidariamente, van doar 38.604 litros de leite. E tamén algo de aceite. Ignoro de onde sae esa cantidade mais, ben mirado, se sumamos 3+8+6+0+4=21. Realeza do século XXI. 

Comentarios