Opinión

O “sentidiño” do presidente

[María Obelleiro]

"Abrazos tasados y besos a metro y medio”. Así, en castelán, é o que recomenda Feixoo no vídeo co que felicita as festas de Nadal. Mais el non aplica o “sentidiño” que tanto pregoa en comparecencias públicas e infrinxe as normas básicas de saúde pública sen se arrubiar. Na sexta feira, tal e como testemuñou Nós Diario na edición dixital do domingo, cunha imaxe en exclusiva, Feixoo e Casado saíron pasear polas inmediacións do restaurante en que xantaban, na Coruña, para seren fotografados polos medios de comunicación. Ao principio fixérono sen máscara, a menos de metro e medio. Cando alguén do equipo que asesora o PP se decatou, ordenoulles pór o cubre bocas. O positivo da conselleira Quintana na Covid, presente na comida, provocou que ducias de gráficos fosen chamados a facer unha PCR. Mais non só. Recibiron tamén telefonazo do gabinete de prensa do PP,  para pedirlles que non publicasen as imaxes sen máscara. Unha boa metáfora da política de Feixoo: aparencia. Como aquel “Galicia, Galicia, Galicia” da campaña electoral.

Comentarios