Opinión

Senador por Madrid

[Alberte Mera]

O  Senado, esa Cámara supostamente territorial e que tanto pasa desapercibida, en tempos atrás mesmo alcumada como "cemiterio de elefantes" volveu estar onte de actualidade, co ex presidente da Xunta da Galiza e líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, tomando posesión de senador. Escribiu nas súas redes o dos Peares: "síntome moi honrado de que o Parlamento galego me designase senador". Porén, no PP teñen xustificado a presenza na Cámara Alta de Feixoo como espazo —único, ao non ter escano no Congreso— para confrontar con Pedro Sánchez. Servir a España, dixo Feixoo, será o seu cometido nesta nova encomenda a pesar de ser electo senador en representación dos intereses da Galiza.

O Senado foi tan criticado por "caduco" e ineficaz que até recorda a  un Senado ben anterior, o da antiga Roma, que xoias da arte cinematográfica trouxeron aos nosos día, cheos de debate, vida e tamén traizóns. Polo visto nos últimos meses no PP madrileño e español, entre Isabel Díaz Ayuso e Pablo Casado, líbrense todos, tamén os novos senadores populares, do fogo amigo.

Comentarios