Opinión

Sen palabras

Trinta e oito semanas seguidas -fará mañá- a veciñanza de Moaña mobilizándose para recuperar o servizo de Urxencias no PAC no seu concello para as e os doentes non seguiren a ser derivados a Cangas. Hoxe, a veciñanza de Sanxenxo tamén está convocada a mobilizarse ante a falta de persoal médico no seu PAC de Baltar, onde a semana pasada denunciouse a morte dunha muller após Sanidade negarse a enviarlle unha ambulancia. Precisamente, a oposición solicitou ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, comparecer no Parlamento galego para explicar estes feitos e se realmente hai unha falla de ambulancias como colectivos profesionais e plataformas sociais están a denunciar na Galiza.

Porén, o Partido Popular votou onte en contra da petición de comparecencia de Rueda. A que teñen medo? Debería ser o normal nunha democracia parlamentaria que o titular dun Executivo comparecese na sede da soberanía popular para dar contas cando ao oposición llo demandar. Esta negativa do PP non é de recibo e aliás, é unha mala estratexia política e de comunicación, porque a calada por resposta transmite que hai temor a un debate e non hai argumentos para responder as críticas políticas e sociais. Sexa como for, a poboación merece escoitar preguntas, respostas e explicacións. Así, non vale.

Comentarios