Opinión

Saúde e dereito

[Alberte Mera]

Hoxe, Día Mundial para a Prevención do Suicidio, profesionais da psicoloxía alertan da falla de recursos públicos para esta materia. Unha cuestión tantas veces silenciada e que en datos da ONU significa a primeira causa de morte non natural no noso territorio. A Galiza rexistrou un total de 3.083 suicidios entre 2010 e 2019, segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). 307 só no ano 2020, é dicir, 13 suicidios por cada 100.000 habitantes, sendo a Galiza o territorio con máis suicidios por residente, despois de Asturies, case 6 puntos por riba da media española. Abuso escolar, bullying, machismo, homofobia, violencias, sufrimento... as causas poden ser moitas mais se algo debemos aprender da pandemia é a necesidade dos coidados, coidar a saúde mental e o benestar baixo o alicerce fundamental dunha sanidade pública e dotada de medios e orzamento.

Por iso, doe que movementos sociais e de pacientes teñan que seguir demandando á Xunta partidas económicas e accións específicas para a prevención do suicidio, cando este debera de ser un piar básico na Administración galega. Tomen nota no Goberno das ensinanzas de confinamentos e da pandemia e aposten pola saúde pública.

Comentarios