Opinión

Santi Mina

[María Obelleiro]

O futbolista do Celta Santi Mina vén de ser condenado a catro anos de cadea por abuso sexual. Optouse por apartalo de maneira provisional, mais segue a cobrar e continúa sendo un activo do club. O presidente do Celta, que durante o xuízo optou polo silencio e por pórse de perfil, patinou, máis unha vez, na comunicación, cunhas declaracións que non son dignas da afección celeste.

"Condenamos os feitos do día de hoxe" non semella a expresión máis acaída para difundir na mesma xornada en que saíu a luz a sentenza. Acaso Carlos Mouriño, que non citou en ningún momento o nome do culpábel, condena a condena?

Se falamos de comunicación non podemos obviar un dos titulares que puidemos ler sobre este caso de abuso sexual: "A noite que arruinou a carreira de Santi Mina", recollía onte o ABC no seu diario dixital, como se a responsabilidade non fose do suxeito e recaese en elementos alleos a el, é dicir, xustificando a violencia machista que a xustiza vén de acreditar.

Lembremos que estamos ante un futbolista cuxa defensa presentou como testemuña un detective privado para que comprobase se a vítima levaba "unha vida normal", se vestía "saia e roupa axustada" ou se "tomaba copas".

Comentarios