Opinión

A sanidade pública, en estado de emerxencia

Os anos de Feijóo no goberno da Xunta son anos negros para a sanidade pública galega, nun estado de postración sen precedentes. Os dados que oferecemos no Tema de Primeira do Sermos 184 son abondo ilustrativos da devastación producida nun alicerce basilar de calquer sociedade avanzada que se digne de o ser. Bastan dúas pinceladas para facérmonos conscientes da magnitude do desastre: o orzamento sanitario da Xunta caeu un 18,3% desde 2009 e os postos de traballo destruídos no sector alcanzan a cifra de 1.795.

Ten isto algunha lóxica? A argumentación desde o Goberno galego é que atravesamos a máis grave crise económica en décadas e, porén, a administración foi quen de non tocar os aspectos esenciais do servizo público sanitario. Estamos ante pura retórica. O que é obxectivamente certo é que a Xunta aproveitou a coartada da contracción económica para aplicar o seu programa eleitoral e, portanto, para avanzar na dirección da privatización da sanidade. Así, o sector privado representa xa hoxe o 45% dos hospitais e o 24% das camas na Galiza. Un dado brutal que cobra todo o seu significado cando lle engadimos o feito de que o 79% dos centros privados dispoñen dalgún tipo de concerto público. Negocios privados a conta do contribuínte. Esa é a política "sanitaria" do goberno do PP.

O sector privado representa xa hoxe o 45% dos hospitais e o 24% das camas na Galiza

Non pode haber modificación dos trazos básicos desa política se non hai unha mudanza de maiorías no próximo Parlamento da Galiza. A privatización da sanidade non é un elemento aleatorio no programa do PP: é unha das cernas da súa axenda, ben como a do ensino ou a persecución do idioma galego. Non hai expectativa imaxinábel de mellora da situación que non pase, portanto, por unha mudanza política.

Contodo, hai un elemento fulcral definitorio do alarmante estado en que se acha a sanidade pública galega: o seu deficiente financiamento. E para mellorar este aspecto é fundamental que un hipotético novo goberno galego discuta con Madrid un marco distinto, orientado a conseguir a autosuficiencia fiscal que garanta recursos suficientes para o mantimento de servizos públicos de calidade.

Comentarios