[María Obelleiro]
O actual modelo de financiamento, que leva dez anos prorrogado, supón unha perda considerábel para as galegas e galegos tendo en conta que a liquidación de 2021 -último exercicio con datos dispoñíbeis- apunta a un saldo neto negativo para Galiza de máis de 5.000 millóns de euros. Así, o economista Xosé Díaz, que fora presidente da Comisión de Economía do Parlamento galego na V lexislatura, empregando datos oficiais do Ministerio de Facenda, advirte de que o Estado español recadou en tributos na Galiza un mínimo de 13.974 millóns e só reintegrou 8.892. Estas cifras repítense exercicio tras exercicio e demostran o nocivo do sistema co país, cuxos servizos públicos fican lesionados.
Se a isto sumamos a xestión económica por parte da Xunta da Galiza, o escenario é aínda máis grave. De feito, a Administración galega deixou sen executar un total de 1.428 millóns no exercicio económico de 2022 e, á vez, destinou o 11,5% do total do orzamento a amortizar débeda pública. Non se trata de algo puntual, pois entre 2010 e 2022, o Goberno galego renunciou a investir 12.734 millóns de euros.
Non é necesario pór adxectivos a unha situación que explica moitos dos problemas que padece Galiza, a comezar polos recortes en servizos públicos. E non se trata dun desleixo na xestión económica, senón da ideoloxía que practica o Partido Popular.