Opinión

Sáhara

[X. M. Piñeiro]

Ao Sáhara pásalle como a Palestina. Malo cando son noticia,malo cando non. En ambos dous casos, sofren violencia e ocupación, na primeira ocupando espazo nos medios e no segundo sen sequera iso. O Sáhara, ocupado desde hai décadas, é agora noticia a raíz da fin do alto o fogo declarada en 1991 como consecuencia do operativo militar marroquí contra civís en Guerguerat hai unha semana.

Goberno español e institucións internacionais semellan incómodos, como se este novo episodio no conflito os puxera fronte á súa propia responsabilidade durante estas décadas na pervivencia da ocupación do Sáhara. O rol que en todo este tempo xogou o Estado español, e non só el, garante o actual ‘status quo’: a ocupación do territorio saharauí por Marrocos.

Nestas décadas, a sociedade e o dereito internacional estiveron do lado dos saharauís. Os Gobernos que deben representar a primeira e respectar a segunda, non. Os saharauís sábeno e nós non deberíamos esquecelo.

Comentarios