Opinión

O Sáhara, monopoly colonial

[Xoán Costa]

Hai 32 anos, foi o 29 de abril de 1991, o Consello de Seguridade da ONU crea a Minurso (Misión das Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental). A resolución recolle as propostas de acordo aceptadas tres anos antes por Marrocos e a Fronte POLISARIO. O plano de solución establece un período de transición para preparar un referendo no que o pobo do Sáhara Occidental elixa entre a independencia ou  a  integración  con  Marrocos,  correspondendo  ao  Secretario  Xeral  da  ONU, asistido nas súas funcións pola Minurso, a responsabilidade única e exclusiva dos asuntos relacionados coa celebración do referendo.

O 29 de abril de 2016, o Consello de Seguridade aproba outra resolución, a 2285, pola que se pedía que as partes en conflito sigan mostrando o seu sentido político para iniciar unha fase de negociación máis intensa e importante.

Pasaron sete anos. España muda a súa posición sobre o Sáhara e, contra as resolucións do Tribunal de Xustiza da UE, que ditaminou que o Sáhara non forma parte de Marrocos, e a ONU, que considera ilegal a ocupación, aceita a proposta de Marrocos.

Pode ser que este 29 de abril de 2023 non haxa ningunha resolución da ONU. Tampouco valen de moito. Mais, definitivamente, confírmase que España nen sequer ten acceso para xogar ao monopoly das potencias coloniais.

Comentarios