Opinión

Saber ler

[Xoán Costa]

Os dicionarios definen ler como o acto de “percorrer coa vista un texto comprendendo o que di”. Sob esta perspectiva, a de comprender, leo que en Euskadi unha xuíza non autoriza inscribir unha nena co nome que pai e nai elixiron, Hazia, e decide, contra o criterio da familia e os informes da Euskaltzaindia, que se vai chamar Zia. Leo tamén, a propósito da exhumación dos restos de Queipo de Llano —xenocida entre os xenocidas— que o presidente do Partido Popular, Núñez Feixoo, declara que "a política debe centrarse en solucionar os problemas dos vivos".

Certo. Hai que solucionar os problemas dos vivos. A saber, que os familiares das persoas asasinadas polo franquismo, centos na Galiza que Feixoo gobernou durante tantos anos, poidan recuperar das cunetas os restos dos seus familiares e enterralos tan dignamente como se fixo con Queipo de Llano. E que pais e nais poidan chamar as fillas ou os fillos cos nomes que elixan, sempre que non sexan ofensivos, sen interferencias dunha Xustiza que parece non saber ler.

Comentarios