Opinión

É Sanxenxo

[Alberte Mera]

Á turistificación exacerbada e ao descontrol urbanístico que nos anos tolos impregnou Sanxenxo de edificios ao estilo Benidorm, súmanse agora novas ofensas. Se a vila do Salnés está a ser protagonista dos medios de comunicación pola segunda visita do rei emérito español, Juan Carlos de Borbón, desde que tivo que marchar aos Emiratos Árabes Unidos acurralado polas acusacións e investigacións sobre lavado de cartos, agora é a Real Academia Española quen se une á festa das ofensas. Onte, "recomendaban" a un cidadán asustado por ver nos medios de comunicación escrito "Sanxenxo" que a forma correcta en español sería con duplo J, vulnerando así as leis que estabelecen que a toponimia en galego é a única correcta para referirse aos lugares da Galiza. Non hai máis, señores académicos de España, as súas recomendacións deben mellorar e, desde logo, cumprir coa lei.

Tampouco saíu Sanxenxo ben parado estes días polo Goberno galego, que o quixo pór de moda a nivel turístico co "reclamo" (así consideran agora ao emérito) neste concello. O "pobre" Borbón non puido hoxe deleitarse a bordo do Bribón sucando as augas do Salnés debido á chegada de precipitacións. Pobre realeza, non contaba co clima galego. Benquerida choiva que tanta falta fas nesta terra, de novo, grazas e benvida. Benquerido Sanxenxo, agardemos xa a fin das ofensas.

Comentarios