Opinión

Pretensa sustentabilidade

[Xoán Costa]

Durante o século XX os encoros para a produción de enerxía hidráulica na Galiza inundaron máis de 20.000 hectáreas de terreos ocupados por vivendas e explotacións agrícolas, modificaron a paisaxe e a accesibilidade de especies como o salmón.

Durante o século XXI centos de parques eólicos terrestres ocupan os montes da Galiza nun proceso aínda non rematado. E, na mesma semana en que se celebra o Día Mundial da Enxeñaría para o Desenvolvemento Sostíbel, o Goberno da España aproba directrices de desenvolvemento da eólica mariña que levarán consigo modificacións no hábitat mariño e expulsarán un bon número de barcos de pesca dos caladoiros tradicionais. 

O papel da Enxeñaría no mundo actual é fundamental. A ela corresponde a responsabilidade de desenvolver novas tecnoloxías e novos métodos que permitan obter os recursos necesarios sen poñer en risco o planeta.

Mais, ollo,  é a nós, persoas con deberes e dereitos, que nos corresponde vixiar para que as solucións aportadas en materias como alimentación, auga, enerxía, medio ambiente ou cidades sostibles sirvan para mellorar a vida das persoas e a habitabilidade do planeta e non só, como está a acontecer, para engordar a conta de resultados das multinacionais que trafican cos recursos comúns en aras dunha pretensa sustentabilidade.

Comentarios