Opinión

Rosalía todos os días

[María Obelleiro]

Está moi ben que o Parlamento da Galiza decida plantar un fillo da figueira da Casa da Matanza nos xardíns do Hórreo, mais para sermos xustas e xustos, o seu sería que se declarase oficialmente o 24 de febreiro Día de Rosalía. Unha xornada celebrada cada ano por máis institucións públicas, que se suman así a gran parte da comunidade educativa e, sobre todo, á cultura de base como sectores que veñen traballando de vello na dignificación da escritora. Unha Rosalía cuxa obra cómpre divulgar cada día: o patriotismo consciente, a epopea do pobo galego, o antiimperialismo e o seu carácter democrático. Unha Rosalía feminista, rebelde, símbolo das mulleres que perseguen a igualdade e a liberdade.

Chama a atención que a día de hoxe o 24 de febreiro non forme parte con significado de seu no calendario escolar, mais ficamos co sabor doce que deixan as ducias e ducias de actos que, malia a pandemia, decorreron por toda a Galiza para reivindicar unha figura imprescindíbel coa que construír o noso futuro como pobo galego. Sigamos celebrando Rosalía cada día. Segue viva!

Comentarios