Opinión

Os riscos do gas radon

Temos un problema de saúde pública do que se fala moito menos do que se debera e que se chama gas radon, a segunda causa de cancro de pulmón tras o tabaco. A este asunto dedicamos no Sermos 187 o Tema de Primeira, un documentado traballo que leva a asinatura de Xosé Fandiño. O recente aparecimento de casos de cancro na Universidade da Coruña e a súa eventual relación co gas radon volta a pór de manifesto que as administracións públicas deben tomar este problema moi a serio e deben articular medidas efectivas que garantan a saúde de todas e de todos.

A OMS chamou a atención sobre os riscos do gas radon nun informe publicado xa en 1979. En 1988 a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro clasificouno como un carcinóxeno humano. Desde ese momento comezaron a se realizar investigacións sobre a presenza do gas nos distintos territorios. As pesquisas determinaron que Galiza, na Península, estaba singularmente afectada, pola alta presenza de granito nos nosos solos. O granito, ao ser poroso, permite a filtración do gas e a súa irradiación no meio ambiente e no interior de vivendas e edificios.

De acordo coas fontes consultadas por Sermos, non existe ningunha prescrición legal especificamente relativa ao gas radon que vaia na dirección de garantir a saúde humana nos inmóbeis. Si unha alusión inconcreta no Código Técnico da Edificación, unha norma de ámbito estatal. Na Galiza habería que lexislar, e facelo xa, sobre este asunto. 

No caso concreto da Universidade da Coruña, esta institución acaba de recoñecer que se teñen detectado níveis excesivos de gas radon nalgunhas dependencias da faculdade de socioloxía que terían a ver cos usos industrias do terreo sobre o que se ergueu o edificio. O preocupante aquí é que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da UDC si tiña desde 2004 un plano de prevención de medición dos níveis deste gas. Mais no que atinxe aos centros do campus de Elviña non se fixo nada até este mesmo ano. Sería ben que a investigación realizada pola UDC resultase tamén na depuración de responsabilidades.

Comentarios