Opinión

Ricachóns de campo

[María Obelleiro] 

As axudas da Política Agrícola Común (PAC) son un dos principais buques insignia da Unión Europea. A letra pequena destes fondos representa un outro exemplo de que Galiza non é subsidiada, como nos fan ver. Éo Madrid. Con só 101 explotacións, a cidade recibe 206 millóns de euros. Unha cantidade que fai da capital de España o municipio máis subvencionado pola PAC. E que demostra isto? O que veñen denunciando os sindicatos galegos, que o diñeiro europeo non vai destinado ás pequenas labregas e labregos, senón aos propietarios dos grandes latifundios. De feito, o 80% da contía das axudas chega a mans dun 20% de beneficiarios. Entre eles, familias de grandes terratenentes, como a Casa de Alba ou os Domeq, e mesmo empresas como Mercadona e San Simón.

Na Galiza, con recursos xeográficos proclives á produción, desde 2015 botaron o fechamento máis de 2.000 explotacións debido á falta de rendibilidade. A desregulamentación do sector non axuda. Tampouco a deslocalización, a especulación e o criterio de reparto do Estado español, que prioriza os grandes, moitos dos cales non se dedican á actividade agropecuaria. De aí que na Galiza recibamos as migallas.

Comentarios