Opinión

RG Música ou é Cadena Dial?

[María Obelleiro]

Cando unha sintoniza a Radio Galega Música e non atende o lector da pantalla pode pensar que está oíndo Cadena Dial: Café Quijano, Miguel Bosé, Antonio Flores, Rosana, Diego El Cigala, Nena Daconte... Da radio pública galega esperaríase que a programación musical fose na lingua propia da Galiza, tendo en conta ademais a cantidade de músicas e músicos de calidade que despregan o seu talento por toda a nación e fóra dela. Mais non. Onte mesmo o director da CRTVG informaba nunha comisión parlamentaria que só tres de cada 10 temas musicais emitidos na Radio Galega Música son en galego. Pareceulle un “mix positivo”.

Á vista desta realidade, non estrañarán os datos de enquisas como as do proxecto educativo “Ao Son da Nosa Música”, realizada a máis de mil alumnas e alumnos de entre 5º de primaria e 2º de Bacharelato. Un estudo que advirte de que 80% do estudantado non escoita nunca ou case nunca música en galego. A Radio Galega Música non axuda.

Comentarios