Opinión

A Revolución de AVRIL

[Xoán Costa]

En 2006 o grupo Los Secretos estrea a canción Vémonos en abril.  En 1988 Carlos Cano populariza Luna de abril. Ella Fitzgerald, Louis Armstrong ou Frank Sinatra interpretaron April in Paris, canción de 1932. Tamén abril é mes de revolucións, desde a galega de 1846 á portuguesa de 1974. Mais ese abril de cancións de amor, de luz e primavera vai ter réplica. Será un AVRIL -así, con V de velocidade- que seica chegará, adiamento mediante, no outono.

Desde que hai 150 anos, fainos o 15 de setembro, se inaugurou a liña de Cornes, en Conxo, a Carril, os camiños de ferro na Galiza estiveron pensados máis para a exportación do que para a vertebración territorial e a facilidade de comunicación da poboación. En 1873 pensando na exportación de vacún que se concentraba en Compostela e se trasladaba a Vilagarcía para embarcar cara a Inglaterra;  agora, para ir ou vir axiña a ou desde Madrid.

España véndenos -e aquí hai moito quen compre- que os problemas de mobilidade na Galiza se resolven cun tren que acurte a viaxe a Madrid desde A Coruña, Compostela ou Vigo.

-Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?

A día de hoxe, case parece máis real o verso de Novoneira que pensar en ir en tren, e en tempo razoábel, da Coruña a Lugo ou de Lugo a Ourense. Haberá que agardar por outro ABRIL.

Comentarios