mércores 14/04/21

Revisen o plan forestal

[Xoán Colazo]

O monte galego foi de sempre un complemento imprescindíbel da actividade agraria, produtora de alimentos para a poboación. Pero o modelo forestalista español impúxose ao longo do século XX (véxanse as masivas repoboacións do franquismo) e rachou con ese aproveitamento tradicional dos montes. O deseño de monocultivo de piñeiro primeiro e eucalipto despois desenvolveuse ao máximo cos gobernos do PP na Xunta, co aval da UE e tendo como instrumento base o Plan Forestal do 92.  

Agora, ás presas, sen consenso ningún nin base científica pola ausencia interesada de inventarios forestais, apróbase a planificación dos montes nas vindeiras décadas.

Acelérase na senda de converter Galiza nun inmenso produtor de madeira barata, cun rural desagrarizado e despoboado, pasto de lumes e de intereses económicos pírricos.

O noso país, máis que unha enorme plantación, debe ter un monte multifuncional nun rural vivo, con servizos ecosistémicos, sociais e producións económicas variadas alén das árbores pirófitas alóctonas. 

Precisámolo para beneficio da sociedade toda.

comentarios