Opinión

Resgatemos o Panteón de Galegos Ilustres

Por moito que así o determinase un longo litixio xudicial dirimido polo Tribunal Supremo en 2010, a estas alturas continúa a ser un despropósito que o Panteón de Galegos Ilustres non sexa un espazo de titularidade pública, ao servizo do pobo galego, como símbolo da Galiza. Non ten ningunha explicación racional que sexa o Arcebispado o que teña a faculdade de determinar que actos se realizan no Panteón e cales, non. Un poder arbitrario para vetar aqueles que máis poden desagradar a unha institución, a Igrexa católica, cuxa hierarquía ten sido historicamente refractaria coa cultura e a lingua nacionais da Galiza.

Como titulamos na capa deste Sermos 183, Rosalía e Castelao -os dous principais vultos da historia contemporánea da nosa nación, símbolos recoñecidos como tais pola inmensa maioría das galegas e dos galegos- continúan secuestrados, afastados, separados do pobo co que se fundiron en vida e ao que sempre serviron.

Non ten ningunha explicación racional que sexa o Arcebispado o que teña a faculdade de determinar que actos se realizan no Panteón e cales, non

En 2015, o Bloque Nacionalista Galego levou ao Parlamento da Galiza unha iniciativa, da autoría de Ana Pontón, para reclamar da Xunta a adopción das medidas necesarias para garantir a titularidade e uso civil do Panteón. Só recebeu o apoio de AGE. Non tivo os votos das forzas políticas estatais, o que revela até que ponto o Estado ve con sectario receo unha causa obxectivamente xusta, a do reencontro da sociedade galega cos símbolos que a encarnan e explican.

Pensamos que, acompañando os esforzos que se fagan desde a política, desde a base da sociedade é ben tomar cartas no asunto e promover dinámicas que vaian na dirección de resgatar un espazo de enorme potencial simbólico e contribuír así á restauración en plenitude de figuras centrais para a historia, e consecuentemente para o futuro, do noso país. Neses esforzos estará sempre Sermos Galiza como medio de comunicación comprometido sempre, como di o noso lema, cos intereses galegos.

Comentarios