Opinión

Refráns para a campaña

[Xoán Costa]

O refrán é unha expresión popular con intención didáctica, moral ou filosófica. Analizan a realidade social dun momento do pasado e hoxe poden servir para dar luz non só sobre aquela realidade aparentemente superada mais tamén sobre a presente. A temática que tratan é unha constante no tempo e por iso non é de estrañar que se traslade  ás campañas eleitorais. Nesta a vivenda foi un tema omnipresente. E como o ve o refraneiro?

“O casado, casa quere”. O refrán recolle o desexo, e a necesidade, de emancipación. Hoxe as formas de emancipación non pasan necesariamente polo casamento (O refraneiro tamén contempla a posibilidade de vivir sen a fórmula do matrimonio: Amigado con fe, casado é) mais a necesidade dun espazo en que desenvolver a vida, en solitario ou en compañía, segue sendo unha das aspiracións que máis condicionan a vida das persoas.

Outro problema é o da exclusión residencial, tratado neste diario no número 878, que informa de que arredor dun millón de persoas na Galiza padecen problemas de infravivenda, insalubridade, tenencia en precario, contorna degradada ou gasto desproporcionado en vivenda fronte ao conxunto dos ingresos tal como recolle o refrán “en casa vella todo son pingadas”.

Vai ser certo que “non hai refrán vello que non sexa verdadeiro”.

Comentarios