Opinión

Recortes que matan

[Alberte Mera]

Comezaba o mes de abril e estas mesmas liñas querían chamar a atención das lectoras e dos lectores sobre o feito de que a Xunta da Galiza, canda o Goberno de Madrid, estean á cola do Estado español na escala de investimento en servizos públicos -3.963 euros por habitante ao ano en Madrid e 2.989 na Galiza, ambos os territorios moi lonxe do que inviste Nafarroa, 3.963-. Nesta carreira de Alfonso Rueda con Isabel Díaz Ayuso para reducir o investimento público en benestar súmanse hoxe os recortes en Sanidade, concretamente en Atención Primaria, como amosan os datos desta semana do Ministerio. Así, pasado o ecuador de abril, chama hoxe a atención o feito de que, novamente, os Gobernos dos 'populares' Rueda e Ayuso volvan situarse á cola do Estado en investimento no piar fundamental da sanidade que é a Primaria.

A Galiza non precisa equiparse con ninguén, mais de facelo, debería o seu Goberno ollar aos territorios que máis coidan a Primaria. Polo menos, sería conveniente unha mínima reflexión no Executivo galego ante a cadea de mobilizacións de persoal sanitario, sindicatos e usuarios e usuarias da Sanidade pública que demandan máis recursos, máis profesionais e menos listas de agarda, nun país en que máis de 380.000 doentes están á espera dunha cita hospitalaria. Escoiten o país en San Caetano, reflexionen, invistan en sanidade.

Comentarios