Opinión

A rancia elite na Toxa

[María Obelleiro]

Escribiamos nestas mesmas liñas o pasado ano sobre o cheiro a naftalina dun foro económico situado nun emprazamento inexistente, *La Toja. O desprezo de autoridades públicas como o presidente da Xunta polo pobo galego é tal que continúa lexitimando un encontro que menospreza o idioma propio. A deturpación do topónimo non é o único motivo para cuestionar a xuntanza, tamén o é a infrarrepresentación das mulleres, relegadas a intervencións contadas e a papeis subordinados. A súa natureza, un alarde da acumulación de forzas do capital, merece ser contestada, coa presenza dunha institución salpicada pola corrupción como é a monarquía, de mandatarios que adoptaron decisións prexudiciais para a Galiza e de quen baleira encoros e se enriquece a custa da suba do prezo da luz. É A Toxa estes días o felpudo das portas xiratorias de partidos políticos españois e Consellos de Administración das grandes empresas. E, como as evidencias molestan, tratan de impedir mobilizacións como a da Mesa en defensa da lingua -a empurróns- e a da CIG contra o encarecemento da electricidade -neste caso, vía prohibición do Goberno español.

Comentarios