Opinión

A RAE e o dogma do español

[Xoán Costa] 

No ano de 1854, usando o latín como lingua vehicular, Pío IX proclamou o dogma da Inmaculada Concepción e estabeleceu o 8 de decembro como data de celebración. Tal doutrina estabelece que María, única entre os humanos, non foi alcanzada polo pecado orixinal. Aínda que o debate no seo da Igrexa viña de séculos atrás, o desenvolvemento das correntes naturalistas e evolucionistas, que rexeitaban a existencia de calquer cousa sobrenatural, acelerou o debate.

Este ano a festividade católica coincide co debate doutro dogma, o do español como lingua vehicular. Como detonante, a Lomloe que para nada cuestiona ese principio, como non o cuestionan PSOE, PP, VOX, CS ou UP, interesados en derivar un problema político cara a unha cuestión de crenzas. E para iso entra en escena a RAE, que, convertida en Sumo Pontífice, dará a luz unha bula onde recollerá os argumentos que o PP levará ao Tribunal Constitucional e declarará oficial o dogma en que acreditar: a lingua sen pecado concibida.

Comentarios