Opinión

Quen vive aí?

[Alberte Mera]

Nos momentos de crise fica máis patente que os dereitos recollidos na Constitución española non pasan do papel, mentres que as prerrogativas dos privilexiados e a estrutura central do Estado son reforzadas. "Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e estabelecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para evitar a especulación". Raios, os datos amosan todo o contrario ao sinalado nese artigo. Onte coñeciamos que a banca debe case 100 millóns ás galegas e galegos que teñen hipoteca e están afectados por gastos hiopotecarios ou cláusulas solo. Hipotecas que non paran de subir baixo a consigna do lucro que move o Banco Central Europeo. As familias galegas destinaron o ano pasado até 27,7% dos ingresos anuais ao pagamento do préstamo hipotecario. Mais a Xunta só executou 3% dos fondos do programa de acceso á vivenda e apenas prevé construír 3.600 vivendas públicas en catro anos para unha bolsa de máis de 15.000 demandantes.

E para quen prefira alugar: o ano pasado rematou co prezo máximo histórico dos alugueres na Galiza e as vivendas para aluguer, por certo, non chegan a 3.000 e as vacacionais superan as 17.000. Vivir nunha vivenda, misión imposíbel.

Comentarios