Opinión

Quen garante o futuro?

[María Obelleiro]

De momento, a hostalaría continuará fechada. Cando menos até a semana que vén, cando se reunirá o Comité Clínico que asesora a Consellaría de Sanidade e sempre e cando se “afiance” a tendencia descendente de contaxios e diminúan as hospitalizacións. Segundo avanzou Feixoo, os locais terán que incorporaren sistemas de control de capacidade máxima e un rexistro de clientas e clientes. Non sabemos en que van consistir, mais, de novo, condénase o sector a un futuro complicado.

Sanidade defende que a hostalaría incide de maneira negativa no control da pandemia. Non se entra a valoralo, mais resulta totalmente reprobábel que se prexudique de tal maneira un sector sen pór diante indemnizacións que contribúan a paliar os efectos da crise. O Goberno galego, como é obvio, non é responsábel da pandemia, mais si o é á hora de compensar economicamente a quen non pode traballar. O diñeiro é limitado, mais cómpre atinar no reparto dos fondos adicionais do Estado e da UE. Á economía produtiva vaille a vida nisto.

Comentarios