Opinión

Que pasa?

[Xesús M. Piñeiro]

O presidente do comité de empresa de Xeal, Alfonso Mouzo, tivo que acudir a Urxencias polas lesións sufridas nunha agresión na que a CIG denuncia que participaron persoas que teñen cargos de responsabilidade na empresa. Agresión que o sindicato enmarca no “clima de crispación xerado pola dirección” de Xeal e a súa aposta por recortes e despedimentos.

Non foi a única agresión destes días. Un mozo de Vigo, que estaba de voluntario nun centro social da zona vella, foi albo dunha malleira e un intento de esganamento por parte dun grupo de fascistas. O motivo? Que o mozo intentou evitar que este grupo retirase do local social a bandeira da patria galega que ondeaba na súa porta.

E neste punto estamos. Sen necesidade de xeneralizar nin de facer demagoxia, os episodios de violencia contra o movemento sindical, ou da memoria histórica ou do independentismo son máis frecuentes agora que hai anos. A non falemos da violencia machista que, coma sempre, segue presente no día a día. Ou da LGTBIfobia, con episodios constantes. 

O odio está en escalada, tamén na Galiza. Preocupante

Comentarios