Opinión

Que Historia? A española

[María Obelleiro]

O Consello de Ministras e Ministros do Estado español aprobou no día de onte o real decreto que regula a ordenación e as ensinanzas mínimas de Bacharelato. Unha norma criticada pola Consellaría de Educación por "obviar" a Historia anterior a 1812. Mais non se refire á galega, senón á española. De feito, a preocupación do máximo responsábel da carteira de Educación, e de Cultura, non se amosou molesto polo feito de que non se vaia estudar a importancia do Reino da Galiza na Idade Media, quen era Exeria ou Prisciliano. A súa preocupación son os Reis Católicos e a "Conquista de América", como se estes contidos da historiografía española non fosen tratados con anterioridade ao Bacharelato.

Tras a aprobación do Real Decreto, a Xunta debe dar luz verde ao decreto que regula o currículo da citada etapa. Chama a atención que a persoa encargada de velar por desenvolver os contidos mínimos que marca o Goberno español para adecualos á realidade galega, opte por defender no plan de estudos a Historia de España no canto de apostar pola Historia da Galiza, aínda hoxe no ostracismo e deturpada baixo as etiquetas de Asturias e León. O Goberno galego debería contribuír a non privar as mozas e mozos de coñecer a realidade máis próxima e a rachar coa ignorancia a respecto do noso pasado.

Comentarios