Opinión

Que gostedes!

[María Obelleiro]

Comezamos o mes de febreiro con mudanzas no Nós Diario en papel: novas sinaturas, máis análise e máis información. Ampliamos o espazo dedicado a Galiza, Economía e Traballo, Internacional e Cultura, con pezas máis profundas, recuperando as aperturas de sección a dupla páxina, e con análises de persoas de referencia en diferentes temáticas. Trátase de seguir apostando pola pluralidade de voces e temas e por abrir novas canles de participación ás lectoras e lectores, coas cartas á directora, unha demanda cada vez máis repetida.

Queremos, desde este espazo, agradecer de maneira especial a colaboración de todas as persoas que escribiron, ben na sección de Opinión ben na de Tribuna, nestes anos, así como a daquelas sinaturas que se incorporan desde hoxe ás nosas páxinas, contribuíndo a abrir este medio de comunicación á sociedade, sempre tendo como norte a defensa dos intereses galegos. As mudanzas concluirán no mes de marzo e estenderanse ao semanario, que contará con novas seccións e novas colaboradoras e colaboradores.

Máis unha vez expresámosvos a nosa máis sincera gratitude, pois Nós Diario non sería unha realidade sen a axuda de todas as subscritoras e subscritores, de quen compra o xornal cada día nos quioscos e dos anunciantes que, co voso compromiso e esforzo económico, facedes posíbel a publicación do xornal en papel e en soporte dixital. Desexamos que gostedes das mudanzas e melloras!

Comentarios