Opinión

Que futuro?

[Alberte Mera]

O último verán deu proba, por se o curmán de Raxoi seguía a dubidar, dos riscos para a humanidade do cambio climático con vagas de calor alongadas, secas duradeiras e unha sensación térmica propia da época estival que practicamente durou até hai uns días en que volvemos reencontrarnos coa choiva. Abrir os paraugas foi unha estraña sensación na maior parte do territorio galego. Chegou a auga mais non esquezamos, a problemática continúa, ao igual que seguen os ouvidos xordos dos Estados e Administracións públicas ante o quecemento global que rematará co mundo tal e como hoxe coñecemos. Como recolle este xornal hoxe, a ONU vén de reprender os Estados por incumprir os plans para reducir o cambio climático.

Cos actuais plans, alertan, é imposíbel limitar a 1,5ºC o quecemento global nos próximos anos, e xa dan por feito que as emisións de gases invernadoiro aumentarán 10% nesta década. Ao tempo, até 30% dos ecosistemas dos ríos están "severamente degradados", alertaban onte desde a Universidade de Coimbra,. Outro dos perigos, o 'green washing', ou revestir de verde a destrución do territorio. Parabéns a Adega que vén de reunir 10.000 euros para custear a paralización cautelar pola xustiza dun novo proxecto eólico que ameaza un espazo ambiental. Que caro sae protexer o medio.

Comentarios