Opinión

Que é o urxente?

[María Obelleiro]

Comezabamos a semana cunha información na que advertiamos da cancelación “por falta de sangue” dunha operación á que se sometía unha muller con cancro de páncreas. Após meses de quimioterapia para reducir o tumor e poder intervila, á paciente suspendéronlle o tratamento nas últimas semanas co fin de que non lle baixasen as defensas de cara á operación, programada para o día 18 de xullo. Estaba todo preparado e o día previo ingresara no Hospital Universitario de Santiago, inxerindo só líquidos e laxantes. Ás 8.15 horas, entraba no quirófano e cando xa estaba sedada e co catéter epidural colocado, pasadas as 9.20 horas a anestesista comunicaba á familia que se suspendía a cirurxía por falta de sangue. As reservas estaban baixas, mais non había previsión para unha operación cunha paciente de prioridade 1?

O presidente da Xunta, en resposta ás preguntas formuladas por Nós Diario, admitiu onte, na rolda de prensa posterior ao Consello, que a carencia de sangue obrigara a adiar 11 cirurxías que estaban programadas e que “ningunha era urxente”. Acaso non considera o Sr. Rueda urxente a cirurxía dunha paciente considerada prioridade 1? Explicaba a familia desta muller que se non hai operación nin tratamento, os riscos dunha metástase aumentan de maneira moi considerábel e, nese caso, non había intervención posíbel.

Comentarios