luns 28/09/20

Que é inevitábel?

[María Obelleiro]

Alén de cargar contra os incendiarios, o argumento do Goberno galego ao redor dos incendios chama a facer fincapé en que o lume é inevitábel. Así o recoñecía o propio director xeral de Montes en declaracións á TVG o pasado domingo, cando expuña que "esperabamos ter moitos lumes que apagar esta fin de semana". Non entendemos por que nese contexto non reforzou os recursos de extinción. Engadía a frecuencia da "forte actividade incendiaria" no Macizo central e informaba de que Montes, en Cualedro, que nese momento estaba a ser afectada polas lapas, é a parroquia que máis arde en canto a superficie equivalente. O presidente da Xunta incidía na idea ao declarar que a intencionalidade dos incendios "é xa un clásico".

Até que punto é inevitábel que o monte acabe calcinado cando a política de ordenación vira en desleixo? Os incendios poden evitarse, mais é necesaria vontade para facelo. O Partido Popular ignora as causas estruturais do lume e en lugar de mudar o modelo de monte, aposta en seguir permitindo a Ence o espolio do territorio. Hai que apagar os lumes todo o ano!

comentarios