Opinión

Que caro vivir!

[María Obelleiro]

O aluguer continúa a subir. Nos últimos catro anos, o prezo dunha vivenda nas cidades máis incrementouse máis de 20%. Os arrendamentos turísticos -que reducen a oferta de vivenda residencial- contribuíron a facer medrar unha burbulla difícil de asumir mesmo para unha persoa cun traballo remunerado. Unha carga demasiado pesada para os salarios e prestacións que se reciben e que provoca que haxa que compartir vivenda. A Xunta da Galiza, que ten competencias na vivenda, nada fai para regular as características da oferta inmobiliaria nun país que ten máis de 300.000 inmóbeis baleiros.

Aos altos prezos dos arrendamentos súmase outra realidade ben triste na Galiza, a das persoas pensionistas que viven na pobreza. Son máis de 404.000. As cifras das que dá conta a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social evidencian que a fenda social segue a alargarse e que as políticas públicas non son suficientes. A Galiza é, segundo a citada entidade, a autonomía con maior porcentaxe de pensións por debaixo do limiar de pobreza. Un récord lamentábel para o que urxen actuacións.

Comentarios