Opinión

Protocolo

[Xoán Costa]

Moito se fala estes días de protocolo coa acepción de “conxunto de regras que hai que gardar nunha cerimonia”. Pensemos nunha cerimonia, ou mellor en dúas. Propóñolles o funeral pola raíña de UK, que aínda non foi,  e a toma de posesión do presidente de Colombia, que xa foi. E un protagonista único para ambas: Felipe VI. En Colombia optou por sentarse sobre o protocolo mentres o resto de mandatarios, sen dúbida menos rexios, se levantaban con respecto perante a exhibición dun símbolo.

Na próxima semana, en Londres, cada quen sentará no lugar asignado. O emérito e o que non é emérito. Algúns medios pergúntanse se haberá encontro entre ambos. E que máis dá! O caso é que, cuestión de protocolo, as súas reais pousadeiras se levantarán ou pousarán tanto se o que pasa é o féretro co corpo de Elizabeth Windsor como se é un gato que procura o sol. Tanto dá. O protocolo é para gardar e observar e a cerimonia para mostrar de quen es vasalo e a quen queres asoballar. UK e Colombia non están na mesma esfera protocolaria. Felipe VI, sábeo ben.

Comentarios